• 1 Agosto, 2021

Os produtos de hixiene feminina son unha necesidade, non un luxo

 Os produtos de hixiene feminina son unha necesidade, non un luxo

Hai máis dun ano o reitorado da USC accedeu á demanda de ANEGA de distribuír produtos de hixiene feminina de balde e instalar máquinas expendedoras nos baños das facultades, pero nunca chegou a cumprir o acordo.

Ás mulleres, dentro e fóra da universidade, inténtasenos inculcar a idea de que non se debe notar que temos a regra, porque é unha vergoña e un noxo. Que non pode afectar a regra -nin ningunha outra causa persoal- á nosa produtividade, primeiro como estudantes e despois como traballadoras. A regra debe normalizarse e deixar de ser un tabú, posto que esta situación só crea o enésimo obstáculo que atopamos as mulleres no noso día a día.

Demandar que as persoas que temos a regra dispoñamos destes produtos non é un disparate: en Escocia xa é unha realidade. Este país converteuse no primeiro do mundo en proporcionar estes produtos básicos de balde en lugares públicos, sen máis trámites.

Dende ANEGA seguimos a traballar para mellorar as nosas condicións de vida e ter un maior acceso a produtos de hixiene feminina, e en xeral para seguir a superar as desigualdades de xénero. O noso seguinte paso: que a USC cumpra co seu compromiso de facilitarnos o acceso a estes produtos dentro da universidade.

Publicacións relacionadas