• 1 Agosto, 2021

“Recuperar a independencia é fundamental para que as mulleres recuperen as súas vidas”

 “Recuperar a independencia é fundamental para que as mulleres recuperen as súas vidas”

Falamos con Chelo Neira Leis, directora do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero

O Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI) é un centro concibido para proporcionar atención ás mulleres que sofren violencia machista e aos seus fillos e fillas. A institución depende da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Está situado en Santiago de Compostela, na rúa da Carballeira de San Lourenzo. Coordina a rede de casas de acollida de Galicia e xestiona as súas prazas; o CRI non é un centro residencial como tal. Para acceder ao CRI e de alí á rede de casas de acollida as mulleres non precisan interpor unha denuncia tramitada: co informe dun asistente social é suficiente.

“Cando unha muller pide axuda, nós valoramos o seu caso e decidimos se unha casa de acollida é o recurso máis axeitado para ela. En todas as casas de acollida traballan asesoras xurídicas, traballadoras sociais e psicólogas para axudar ás mulleres que lles chegan”, explica Chelo Neira Leis, directora do Centro de Recuperación Integral.

Unha vez deciden se a casa de acollida é un recurso apropiado, as mulleres poden ordear os destinos segundo preferencia. Porén, neses destinos non sempre existen prazas libres. “Se unha muller quere ir á casa da Coruña e só a esa casa, pero non hai sitio dispoñible, non entra. Iso si, en ningún caso queda soa. Búscase un centro alternativo como recurso temporal e, cada poucos días, tramitamos de novo a solicitude na casa de acollida por se houbo algunha baixa e xa pode entrar” conta a directora do centro. 

O tempo que pasen as mulleres nas casas de acollida pode variar moito; depende da situación na que se atopen. O período inicial é de tres meses, pero hai mulleres que chegan a vivir nelas ata un ano. De calquera xeito, as casas de acollida pretenden ser un recurso temporal para as mulleres, non están destinadas para que a residencia nelas sexa permanente. 

A rede de acollida está composta por 7 casas de acollida distribuídas por todo o territorio galego, e cada unha delas funciona de forma autónoma para cubrir as necesidades das mulleres que acollen. Por exemplo, hai unha delas especializada en problemas de adicción e outra en casos de enfermidades mentais. Tamén contan cun programa de inserción laboral para as mulleres afectadas, axúdanlles a atopar un traballo e acadar a independencia económica do seu agresor, que adoita ser frecuente nas súas situacións. “Recuperar esa independencia é fundamental para que recuperen a súa vida”. 

Neira Leis explica que esta rede de acollida está activa as 24 horas do día e 7 días á semana. A rede ten un teléfono propio a disposición das entidades que derivan a estas mulleres a ela, como un xulgado, os corpos de seguridade do Estado, ou calquera servizo de atención á muller; e sempre está lista para recibir un caso independentemente do momento no que se produza. Tamén existe un convenio entre a Secretaría Xeral de Igualdade coa Federación Galega do Taxi para facer traslados en casos moi urxentes: a muller vai acompañada todo o traxecto por un profesional e é recibida por outro cando chega á casa de acollida. Estes taxistas contan cunha formación especial, saben a quen trasladan e que a dirección da casa de acollida non pode ser revelada. Afortunadamente, agora mesmo o Centro dispón de moitos máis recursos que hai uns anos e pode ofrecer máis apoios ás mulleres que o necesiten. 

Coa irrupción da COVID-19, o CRI tivo que adaptarse. “A verdade é que o estado de alarma colleunos por sorpresa, non esperabamos algo tan repentino. Nese momento vímonos nunha situación bastante apurada”, aseguran dende o propio centro. Nas casas de acollida conviven varias mulleres cos seus fillos. Decidiron reservar unha parte do espazo das propias casas para illar a posibles positivos, o que supuxo unha redución das prazas. “Afortunadamente non tivemos ningún positivo, pero as casas tiñan que estar preparadas”. 

Dende a Consellería chegouse a un acordo con establecementos turísticos para habilitar espazos para aquelas mulleres que o precisaran. Dende o CRI proporcionábase atención psicolóxica telefónica: [as chamadas] “non eran diarias porque non podiamos cubrir tantas chamadas, pero si en días alternos”. 

O confinamento foi un periodo especialmente difícil para as vítimas de violencia machista. Porén, os casos atendidos polo centro non aumentaron no confinamento. Non foi ata despois del que as denuncias comezaron a ascender: “moitas mulleres aguantaron durante o confinamento sen pedir axuda, non vían como podían saír de alí”.

As mulleres que acoden a este centro non teñen un perfil concreto. Existe unha tendencia a asociar a violencia machista a clases baixas, adiccións ou enfermedades mentais, porén, non sempre é así. O maior factor de vulnerabilidade é ser unha muller

“Moitas das mulleres que entran na rede de acollida atópanse nunha situación dependencia económica, moitas arrastran tamén problemas de adiccións ou trastornos mentais, mais iso non exclúe os outros casos. Ti ao mellor tes o teu traballo e a túa vida pero sofres unha agresión; pero o agresor non foi detido e necesitas afastarte ata que a situación se estabilice ou o deteñan porque pode aparecer en calquera momento.”

Como conta a directora, moitas mulleres dependen económicamente do seu maltratador e aí entra en xogo a situación económica: “canto máis baixo sexa o nivel socioeconómico dunha muller, máis risco ten de sufrir unha relación de maltrato e menos recursos terá para saír dela”, afirma Neira Leis. 

Porén, aínda queda moito camiño por percorrer na loita para erradicar a violencia de xénero. O labor de institucións coma o CRI é fundamental, pero debe ir da man cun traballo de concienciación social de base. “Non hai unha formación integral, transversal, nos centros educativos. A violencia de xénero afecta tamén a mulleres novas, temos a idea de que afecta sobre todo a adultos porque teñen outra mentalidade e realmente non, cada vez vemos máis casos de machismo e violencia en xente nova e cada vez en idades máis tempranas, aos 11 ou 12 anos. Son necesarias concienciación e formación, pero a formación non se pode limitar só a unha etapa da vida, debe ser permanente. As charlas de información e concienciación son útiles e axudan pero é necesario establecer unha formación en igualdade e dotala de recursos.”

Xunto co traballo pola concienciación, tamén é importante que as vítimas conten con redes de apoio e cobertura coma o CRI. Alén do institucional, debemos tamén ser conscientes da gravidade da violencia de xénero a nivel social, e ofrecer nós mesmas ese apoio ás vítimas, que nos casos máis extremos non poden acceder ao ofrecido polas institucións: “moita xente non é consciente da envergadura deste problema, de ata que punto afecta a toda a vida desa muller, é importante non cuestionala, moitas mulleres síntense cuestionadas cando buscan axuda e contan a súa historia. Hai que darlles credibilidade. Nalgúns casos non queren que lles deas unha solución, queren ser escoitadas”. 

Publicacións relacionadas