• 1 Agosto, 2021

Nin estigma nin privilexio; a saúde mental é un dereito!

 Nin estigma nin privilexio; a saúde mental é un dereito!

Nin estigma nin privilexio; a saúde mental é un dereito!


Nun ano no que as afeccións físicas e psíquicas por mor da crise sanitaria e económica se viron tan incrementadas, a importancia dun sistema sanitario público e forte evidenciouse especialmente. En relación cos problemas psicolóxicos, o pasado cuadrimestre, conscientes da situación, a Universidade da Coruña habilitaba unha unidade de saúde mental a través da iniciativa “UDC Saudable”. Hai uns meses, o deputado Íñigo Errejón, demandaba a necesidade dunha nova estratexia nacional de saúde mental e o incremento de psicólogos clínicos á vez que o Bloque Nacionalista Galego instaba á Xunta de Galicia a aumentar o orzamento do plan de saúde mental e dotar de especialistas a Atención Primaria.


Nunha conxuntura prepandémica na cal, no Estado español, unha de cada dez persoas maiores de 15 anos era diagnosticada por algún trastorno de saúde mental e cunha taxa de suicidios de 10 persoas/día como principal causa de morte non natural, seguíamos contando cun sistema público de atención psicolóxica completamente deficiente, con 6 psicólogos por cada 100000 habitantes. De igual modo, en Galicia, fronte as continuas peticións por parte dos Colexios de Psicólogos da inclusión dos mesmos en Atención Primaria, seguíamos a ser a Comunidade Autónoma que menos investía nesta, imposibilitando a súa incorporación.


Coa chegada da COVID-19 as nosas vidas a situación empeorou; confinados en vivendas inhabitábeis, coa incerteza do futuro, a continua presenza da morte e os servizos de saúde pública colapsados, os problemas de saúde mental agraváronse naquelas persoas que xa os padecían e apareceron noutras que nunca os sufriran, cobrando protagonismo sentimentos continuos de tristeza, desesperanza e nerviosismo, aumentando os diagnósticos de depresión e ansiedade e o consumo de psicofármacos relacionados con estes trastornos. A pesar disto, a resposta institucional non mudou.


Nesta situación de desleixo, a clase traballadora e, nomeadamente, as mulleres que conforman a mesma, que xa contaban cun índice superior de diagnósticos en relación con cadros ansioso-depresivos e un maior consumo de medicamentos relacionados cos mesmos, responsábeis dos coidados no ámbito laboral (referíndonos aquí a sanitarias, limpiadoras, repoñedoras e demais persoal esencial) e privado, vense máis afectadas ao ver perigar o seu traballo e ingresos como consecuencia da crise económica e enfróntanse á imposibilidade, en moitos casos, de acceder á atención psicolóxica privada á par que na pública se atopan con listas de espera infinitas.


De igual modo, as estudantes, ante a redución de ingresos das nosas familias, a perda de postos de emprego, a falta dun horizonte vital que nos condena á emigración ou ó paro e a obriga de seguir producindo mentres que se nos sinala como principais axentes espalladores do virus, asistimos a un detrimento na nosa saúde mental que se traduce na presenza de novos trastornos que veñen acompañados non soamente do seu padecemento, senón do estigma polo cal recibimos apelativos como o de “xeración de cristal” ou a patoloxización continua ó berro de “¡Vete al médico!”, pronunciado polo deputado do Partido Popular, Carmelo Ramero, ó final do discurso do portavoz nacional de Más País ao inicio mencionado.


Neste contexto, dende a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas, sindicato dende o cal levamos reclamando dende antes do confinamento a necesidade da estruturación dun servizo de saúde mental eficiente, gratuíto e a disposición das estudantes de todo o país, estamos convencidos de que é imperativo volver a reivindicar a saúde mental como dereito, o que pasa necesariamente por exixir unha atención de calidade neste eido até que se nos sexa concedida, mais tamén por sinalar e facer por superar todas as condicións estruturais que nos condenan a
este estado, deixando a un lado a vergoña que produce o estigma e loitando contra o privilexio para reivindicar a saúde mental como dereito.

Publicacións relacionadas