• 21 Outubro, 2021

A evolución dos prezos dos alugueiros no último ano

 A evolución dos prezos dos alugueiros no último ano

Dende a Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (ANEGA) publicamos este informe sobre a situación dos pisos de alugueiro en Compostela para denunciar a suba tendencial dos prezos destes, fenómeno extrapolable ao resto do País. Esta situación dificulta o acceso a unha vivenda digna ao estudantado galego, ou incluso imposibilita o acceso a estudos superiores. Consecuentemente, o problema da vivenda atinxe ás estudantes ao vérmonos vivindo en condicións cada vez máis precarias e facendo que a universidade pública sexa cada vez menos pública.

Para ilustrar esta situación, expoñemos a continuación algúns dos principais datos en torno aos prezos dos alugueiros. Debemos coñecer o problema para poder facer fronte a esta situación e mudala.

Incremento do prezo do metro cadrado en alugueiro segundo Idealista (2020)

Baixo os datos do informe de Idealista, dende xullo do 2019 o prezo do metro cadrado na cidade de Santiago de Compostela foi de 6,2 €/m2 e pasou a 7,1 €/m2 en xaneiro de 2020, apenas seis meses. No Ensanche, barrio de estudantes, a suba foi incluso maior, de 6,5 €/m2 a 7,5 €/m2.

Segundo datos do 2014, o IGE constata que os pisos de entre 3 e 4 habitacións en Santiago de Compostela, que son os que maioritariamente alugamos as estudantes, teñen 83 metros cadrados. É dicir, entre 20 e 27 metros cadrados por persoa.

O prezo medio dos alugueres o ano pasado para as estudantes foi de 514,6 euros. En xaneiro a cifra xa anda polos 589,3 euros. O aumento porcentual dos prezos dos alugueiros nos pisos de Santiago de Compostela nos último seis meses foi de 14,52%.

Sen ter en conta ningunha outra variable, cunha mesma taxa constante de suba dos prezos (hipótese moi optimista dado que o Xacobeo impulsará moito os prezos dos alugueiros), en seis meses, cando esteamos a buscar piso para o vindeiro curso, o metro cadrado rondará os 8 euros. Isto suporía uns alugueiros mensuais en torno aos 664 euros, un aumento do 12,68%.

En termos agregados, a suba total dos alugueiros pasará de 514,6 euros o metro cadrado en xullo de 2019 a 664 euros, un incremento do 29,03% dos prezos dos pisos; dato corroborado por El Correo Gallego (2019) que estimou a suba no 30%. Se facemos os cálculos para o barrio do Ensanche, o prezo aumentaría de 539,5 o ano pasado a 705,5.

Publicacións relacionadas