• 21 Outubro, 2021

As nosas vidas por riba da competitividade

 As nosas vidas por riba da competitividade

Dende a suspensión do ensino universitario presencial, as estudantes estivemos en constante interacción cos equipos reitorais para avaliar a forma en que se ía traducir o estado de alarma nos nosos estudos. Na USC, por exemplo, reclamamos desde o comezo:

  1. A non ampliación do calendario académico
  2. Que a docencia telemática non sexa un obstáculo
  3. A reformulación dos programas diante das limitacións da docencia telemática

Estas tres medidas tiveron respostas necesarias e positivas, mais a ampliación do confinamento e a evolución da enfermidade fai que atopemos preciso reformular a estratexia das universidades para superar esta crise.

💡 É por isto que trasladaremos, tanto por contacto directo coas Reitorías como nos órganos en que sexa preciso, as seguintes propostas no ámbito universitario:

  • A suspensión do curso e a superación automática de todas as materias que en desenvolvemento, así como a eliminación das notas das mesmas no cálculo das medias. Con coñecemento da dimensión económica e social do impacto da COVID-19 e o seu fortísimo impacto nas familias das máis das estudantes das nosas Universidades e en defensa do recoñecemento da parte máis humana de toda esta crise, a inmediata suspensión do presente curso, coa consecuente superación automática de todas as materias que se estivesen desenvolvendo no momento en que se decretou a suspensión da actividade docente presencial e a eliminación das cualificacións das mesmas materias no cálculo da media de cada estudante. Cremos que esta medida supón atallar a cuestión de xeito verdadeiramente realista, en tanto que significa ser conscientes de que atravesamos unha forte crise. sanitaria, económica e social, sen precedentes en dimensións e posibles causas nas últimas décadas. A estas alturas, resulta evidente que o presente cuadrimestre está, de xeito irremediable, afectado por esta crise e semella inxenuo tratar de encamiñalo cara á normalidade. Cremos que a estratexia que asegura o benestar de todos os usuarios do sistema universitario é, lonxe de procurar reformas que procuren facer desaparecer os efectos desta crise, atopar o xeito de minimizar o seu impacto nas persoas. Somos conscientes de que as ferramentas que se poñen á disposición de estudantes e docentes para continuar o curso, así como as axudas que procuran garantir o acceso da maioría do estudantado ás mesmas, eran unha boa solución co panorama que delimitaba un confinamento de dúas semanas, pero a situación á que facemos fronte actualmente, da man dos problemas que teñen estas plataformas (máis alá do esforzo de todos por facelas funcionar), da enorme agudización das diferenzas sociais, do malestar psicolóxico que produce a corentena e da incapacidade de moitas estudantes e docentes para continuar a súa actividade de xeito usual fainos pensar que é momento de tomar medidas máis drásticas.

  • A creación de comisións con representación estudantil para reformular os programas e asegurar que non se perdan contidos esenciais ao tempo que non se impón unha carga de traballo excesiva no estudantado. Para o óptimo cumprimento desta primeira medida, a creación de comisións de desenvolvemento de plans de estudos en cada facultade e para cada Grao que, con representación das estudantes, establezan cales son aqueles contidos indispensables para a continuación da formación e cales son aqueles que, diante da situación excepcional, poden ser cubertos doutro xeito, de cara a artellar a materia do vindeiro curso. Estas comisións serían as encargadas de reformular, de xeito especial para o vindeiro curso, os plans de estudos do primeiro cuadrimestre para introducir aqueles contidos que se entenden como fundamentais para o desenvolvemento académico das estudantes (estamos falando só daqueles que sexan vitais para poder acceder ás materias dos seguintes cursos ou que sexan requiridos por necesidade no desenvolvemento da actividade profesional). Sería óptimo, sempre que se puidese, integrar os contidos aos que nos referimos dentro do desenvolvemento normal do curso, sen que isto supoña carga de traballo extraordinaria e desprazando a un lado (dada a excepcionalidade da situación), contidos secundarios que poidan darse de xeito complementario e non avaliable. Os contidos fundamentais que non puidesen integrarse na normalidade do desenvolvemento do vindeiro primeiro cuadrimestre poderían estar suxeitos a pequenos cursos extraordinarios que sirvan como complemento ao horario lectivo, sempre e cando non supoñan unha carga de traballo prohibitiva para o alumnado. Pensamos, ademais, que sería positivo que aqueles contidos que se califiquen como non necesarios en primeira instancia para a continuación ou finalización da formación académica puidesen ser trasladados, nas vindeiras semanas, ao estudantado en formato de vídeos, textos, bibliografía gratuíta ou outros métodos que, fóra da obrigatoriedade de estudalos para aprobar as materias, poidan servir para adquirir os coñecementos das materias afectadas por esta crise aos estudantes que así o desexen.
  • A devolución da parte da matrícula correspondente a este cuadrimestre ou, no seu defecto, unha redución substancial das taxas do curso que vén, todo isto da man de axudas para o acceso aos estudos e á vivenda. Con coñecemento do forte impacto social e económico que está tendo e que terá a crise ocasionada pola COVID-19, e diante do risco de que moitos estudantes se vexan na obriga de abandonar os seus estudos pola súa situación económica herdada desta problemática, a devolución da parte da matrícula correspondente ao presente cuadrimestre ou unha redución substancial nas taxas de matrícula do curso vindeiro e a implantación de bolsas para o acceso aos estudos e a vivenda. Moitos dos estudantes da nosa Universidade chegarán ás súas casas familiares no remate deste curso e atoparán cambios drásticos nas súas economías. Os despidos masivos e a crise económica que vén suporán grandes obstáculos para a continuación dos estudos de moitos de nós. Con estas medidas, reclamamos que a situación xeral que está a provocar o desenvolvemento da COVID-19 nas universidades sexa valorada en termos humanos e non tanto competitivos, así como que, nun marco de forte crise económica e social que se aveciña, os estudos universitarios non supoñan un obstáculo máis no camiño cara á recuperación.

En canto ao ensino medio (ESO, Bacharelato e FP) o curso escolar tampouco pode transcorrer con normalidade. As medidas que están comezando a aplicar os diferentes axentes do ensino non fan máis que enfatizar as desigualdades sociais e incentivar a competitividade.

Dende ANEGA denunciamos que non se dea importancia ao sufrimento que xeran as circunstancias actuais e se supediten as condicións e casuísticas persoais de cada alumna á súa propia produtividade, a cal non se pode garantir nesta situación de crise sanitaria.

En vista de todo isto, presentamos estas catro reivindicacións, co obxectivo de que a nosa educación no instituto, na formación profesional e nas probas de acceso á universidade (ABAU) sexan o menos prexudiciais posibles para todas!

  • A suspensión do curso e a superación automática de todas as materias que en desenvolvemento, así como a eliminación das notas das mesmas no cálculo das medias. Tendo en conta as dimensións económicas e políticas xa expostas anteriormente, a inmediata suspensión do presente curso coa consecuente superación automática das materias e a eliminación das cualificacións das mesmas materias no cálculo da media de cada estudante, pois entendemos que o desenvolvemento normal do curso está irremediablemente afectado pola crise actual e non existe unha alternativa capaz de superar esta situación. As alternativas proporcionadas polas autoridades educativas, que pretenden paliar esta situación, lonxe de proporcionar unha solución ao cese da actividade docente presencial, supoñen unha traba para parte do estudantado e poñen nunha evidencia aínda maior as diferenzas socioeconómicas deste. A isto únese a incapacidade, sobre todo psicolóxica, de alumnado e docencia de continuar de forma normal o curso debido ás consecuencias producidas polo propio confinamento.
  • A creación de comisións para reformular os programas e asegurar que non se perdan contidos esenciais ao tempo que non se impón unha carga de traballo excesiva no estudantado. Para que a primeira medida sexa efectiva tamén esiximos a creación de comisións para garantir que estes contidos que non van ser impartidos durante este presente curso ordinario sexan trasladados aos alumnos da maneira máis axeitada e menos prexudicial posible. Estas comisións, contando coa participación de representantes do alumnado, ou no seu defecto, das ANPA (Asociacións de Nais e Pais do Alumnado), serían as encargadas de determinar os contidos esenciais e non esenciais e de reorganizar os contidos do vindeiro curso de forma que se inclúa a materia esencial non impartida no curso actual. No caso de non ser isto posible poderíase contemplar a realización de cursos complementarios, sempre e cando estes cursos non afecten de forma negativa ao desenvolvemento académico do alumnado así como á carga lectiva deste. En canto aos contidos categorizados como non esenciais para o desenvolvemento académico do alumno, consideramos que sería axeitado trasladar estes coñecementos por diferentes medios gratuítos para que poidan ser adquiridos e empregados polo estudantado que o desexe.
  • Cambios nas probas de acceso á universidade ABAU. A maiores, no referente ás probas de acceso á universidade, reclamamos que unicamente se avalíe dos contidos impartidos de forma presencial polo persoal docente, debido aos mesmos motivos que se indican no punto anterior. Ante esta situación atopámonos co problema de que a orde de impartir os contidos varía en función do centro e docente, polo que demandamos un modelo de exame con maior opcionalidade e tamén garantir que todos os contidos a avaliar nestas probas foran impartidos ao alumnado previamente de forma presencial e que en ningún caso haxa alumnos prexudicados, de cara a acadar a máxima igualdade de condicións posible entre todo o estudantado.
  • Unha redución do número de horas das prácticas de FP. En canto ao segundo curso de Formación Profesional esiximos, a maiores, a redución do número de horas das prácticas obrigatorias, de forma que o estudante non teña que recuperar as horas perdidas durante o parón da actividade laboral, afectando de forma negativa á duración do seu curso académico debido a esta situación excepcional que estamos a vivir. No caso de que o paro da actividade laboral se estenda no tempo sobrepasando os propios períodos de realización das prácticas, reclamamos a superación automática destas.

Cremos que é imprescindible facer fincapé nas dimensións desta crise, sen precedentes nas últimas décadas, e na necesidade de poñer o foco sobre o lado máis humano das súas consecuencias. Esta situación está a agudizar as diferenzas sociais e amósanos que o modelo neoliberal do ensino atenta directamente contra as estudantes das clases populares.

É urxente que se abandone, canto antes, o fetichismo das avaliacións para acadar solucións verdadeiramente operativas e que non convirtan os estudos universitarios nun obstáculo máis para as mozas e mozos que van sufrir as consecuencias desta crise. A vida por riba da competitividade!

Publicacións relacionadas