• 21 Outubro, 2021

A UDC defende que o confinamento non perxudica a nosa saúde mental mentres todo indica o contrario

 A UDC defende que o confinamento non perxudica a nosa saúde mental mentres todo indica o contrario

Un estudo da UCM afirma que “a xente nova de entre 18 e 39 años reflexa un menor auto-coidado emocional e presenta máis ansiedade, depresión e sentimentos de soiedade”

O pasado luns o xornal La Opinión publicou unha entrevista a Miguel Clemente, catedrático de Psicoloxía Social da UDC, que declara: “No está demostrado que sea pernicioso para la psique este tipo de confinamento”. Pola súa banda, a Universidade da Coruña non dubidou en compartir esta publicación, difundindo de forma demagóxica unha información que non procede de fontes oficiais e verificadas.

Analizando máis pormenorizadamente o contido do artigo, comprobamos, en primeiro lugar, que o catedrático está participando nun estudo que non está rematado -el mesmo o sinala: “no hemos analizado los datos”- e que os comentarios que fai baséanse en estudos que non foron realizados durante o presente confinamento por mor do coronavirus. Por tanto, sería completamente improcedente que un organismo público se respaldase nestas opinións para tomar calquera tipo de decisión ou implementar medidas.            

Ao longo da entrevista, o catedrático da UDC non dubidou en facer afirmacións como a de que “este confinamiento no es tan grave. Dede el punto de vista psicológico, no está demostrado que provoque efectos perniciosos, al menos en periodos inferiores a seis o siete meses”. Así, este suposto especialista cae na falacia de afirmar que o actual confinamento non produce efectos perniciosos porque non está demostrado. Que non estén comprobados os efectos do confinamento -o cal tampouco é certo, pois xa hai estudos que o fan e dos que falaremos máis adiante- non quere dicir que ditos efectos non existan. Ademais, tan só fala da posibilidade de consecuencias perniciosas do confinamento a partir dos seis e sete meses. Como na maioría dos países levamos menos de dous meses de confinamento, é evidente que o catedrático está aplicando conclusións de investigacións que foron realizadas nun contexto diferente ao actual, e que por tanto non teñen en conta as complexas circunscunstancias do actual confinamento. É dicir, en todo momento o psicólogo cae no gravísimo erro de supoñer que nestas circunstancias o confinamento non esté tendo importantes consecuencias psicolóxicas nunha parte da poboación.

Ademais, na afirmación -completamente desprovista de evidencias- de “este confinamiento no es tan grave”, o catedrático está presupoñendo unha homoxeneidade da poboación sen establecer diferenciacións en función do nivel socioeconómico, a idade, o grao de illamento social, etc. Está pois extraendo as persoas das complexas circunstancias nas que se atopan, de tal forma que as súas afirmacións abstractas están completamente afastadas da realidade.

“Los jóvenes entre 18 y 39 años reflejan un menor auto-cuidado emocional y presentan más ansiedad, depresión y sentimientos de soledad que las personas mayores de 60”, sinalo o estudo realizado na UCM

Por outra banda, non parece que o estudo que está conducindo vaia contar coas garantías para poder extraer consecuencias respecto ao impacto psicolóxico real do confinamento actual. Semella que o estudo se centra nunhas variables psicolóxicas moi concretas: se a xente é capaz de obedecer as normas do confinamento; e o grao de resiliencia que as persoas teñen fronte á pandemia. Así, as variables estudadas son moi limitadas e non se investigan as consecuencias que o confinamento e a situación global teñen sobre importantes factores psicolóxicos como o estado de ánimo, o grao de preocupación, síntomas de ansiedad e depresión, etc. Ademais, a mostra do estudo é de só 1400 participantes que pertencen exclusivamente á comunidade educativa da UDC, polo que en todo caso as conclusións que se vaian obter do mesmo non poden ser xeralizadas ao conxunto da comunidade ou do estado.

Un estudo realizado na UCM sobre o impacto psicolóxico e a resistencia da poboación española ante a COVID19 desmente as afirmacións mantidas polo catedrático da UDC. No estudo da UCM, que contou cunha mostra de 3473, o 70% das persoas que participaron referiron ter experimentado síntomas de neviosismo e angustia e máis da metade sinalou ser incapaz de deixar de preocuparse e controlar as súas inquedanzas. Ademais, os principais factores de risco identificados foron: ser xoven, non ter parella e non ter emprego, ter trastornos psicolóxicos ou enfermidades pulmonaes ou cardiovasculares, así como convivir con persoas diagnosticadas de covid ou manifestar síntomas. En concreto,por tramos de idade, “los jóvenes entre 18 y 39 años reflejan un menor auto-cuidado emocional y presentan más ansiedad, depresión y sentimientos de soledad que las personas mayores de 60”.

En consecuencia, os comentarios feitos por un susposto especialista en psicoloxía son completamente erróneos e descontextualizados da realidade actual. Non fai referencia a ningún estudo que investigue as consecuencias da situación actual e o estudo que conduce, todavía en fase embrionaria e con moitas limitacións, non parece que vaia dar conta do impacto psicolóxico real que a crise actual está a ter nas persoas. Ademais, na entrevista o catedrático en ningún momento ten en consideración as diferentes condicións materiais que inflúen sobre o estado psicolóxico dos individuos, de tal forma que parcializa a psique humana, escindíndoa do entorno social onde se desenvolve. Fai afirmacións abstractas sobre o conxunto da poboación, eludindo así contradicións que se dan no sea da mesma e reflictindo a súa ideoloxía claramente clasista.

Continuar o curso a toda costa e dándo argumentos tan falaces coma o deste catedrático da UDC supón unha deshumanización das estudantes, antepoñendo a produtividade por riba das nosas vidas.

Na loita polas nosa reivindicacións atopámonos co groso destas posturas alonxadas das problemáticas reais. Consideramos que comentarios como os que fai este catedrático e que se presentan como supostas evidencias científicas enmascaran as miserias do estudantado e por tanto fan un profundo dano ao mesmo.

Continuar o curso a toda costa e dándo argumentos tan falaces coma o deste catedrático da UDC supón unha deshumanización das estudantes, antepoñendo a produtividade por riba das nosas vidas. Dende ANEGA incidimos na resolución do curso académico pola vía da suspensión deste e da superación automática das materias sen que estas computen nas medias, como única solución para que ningunha quede atrás e que as universidades públicas sexan realmente para todas.

Publicacións relacionadas