• 21 Outubro, 2021

Programa de eleccións ó Claustro da USC

 Programa de eleccións ó Claustro da USC

Pola consecución dun ensino galego, público, feminista e de calidade, dende a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas presentamos a nosa candidatura ás Xuntas de Facultade, Departamentos e Claustro no contexto dunha crise económica e social cuxa saída pasa pola elaboración dunha loita sindical organizada, onde o eido institucional representa unha parte da mesma.

Nun contexto no que a primeira Universidade privada de Galicia está a piques de instalarse no país, vivindo unha das peores crises económicas até o momento, coa vixencia das restricións para salvagardar a sanidade pública, cun índice de afeccións psicolóxicas en crecemento e un horizonte que nos afasta da posibilidade de acceder ao mundo laboral no noso país, vemos imperativa a nosa presenza nos órganos de goberno e toma de decisións.

A través da nosa participación na Candidatura Unitaria Estudantil (CUE)  puidemos eliminar a obrigatoriedade de ter o B1 nunha lingua estranxeira para graduarse, logramos crear unha senda segura para que as mozas de Compostela viran reducido o seu medo a camiñar soas polas noites, aprobamos un novo Estatuto do Estudante e, durante o momento de maior incerteza do confinamento, logramos ter unha maior visibilidade para tentar chegar a un acordo que supuxera unha saída xusta para todas, materializándose na primeira folga telemática baixo o cancelo #FinDoCursoXa.

De igual modo, pulamos pola creación dunha unidade de saúde mental en condicións e porque os produtos de hixiene íntima estiveran dispoñíbeis para todas, reivindicacións que tiveron como resposta o desleixo por parte da Universidade e que exixen de novas formas de loita, tanto nas rúas coma no institucional. Para o cumprimento destas e outras demandas e, sobre todo, para democratizar a Universidade facéndoa accesíbel para todas, defendemos unha resposta sindical que atalle os seguintes eidos:

Ensino

v  Eliminar todo requisito académico no acceso ás bolsas.

v  Mantemento da moratoria para a implantación do 3+2 en Galicia.

v  No referido ás bolsas, elevar as contías fixas ligadas á renda así como os umbrais destas.

v  Axilizar os trámites de obtención das bolsas.

v  Reducir o número de créditos matriculados para optar á bolsa.

v  Reducir as taxas universitarias.

v  Proporcionar os medios necesarios para o seguimento das aulas telemáticas.

v  Impedir a creación de universidades privadas, así como a intromisión de empresas privadas nas universidades públicas.

v  Facilitar o cambio de titulación, eliminando os prexuízos que este provoca no referido ás bolsas.

v  Aumentar o número de prazas nos mestrados, en especial naqueles esenciais para acceder á oposición.

v  Ampliación do prazo para solicitar a renuncia á matrícula.

v  Eliminar as taxas para a obtención do expediente académico.

Xénero

v  Pór a dispoñibilidade de todas, en todos os centros, produtos de hixiene feminina dispensados pola Universidade.

v  Establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas, tanto nas relacións profesor-alumna coma entre os propios estudantes.

v  Incluír, dentro do programa xeral de cada titulación, o traballo das mulleres que contribuíron no avance científico e/ou social, integrándoas no todo en lugar de reservarlles apéndices independentes.

v  Analizar de forma crítica a masculinización das carreiras técnicas e a feminización daquelas relacionadas cos coidados, traballando por modificar a situación.

v  Promover a paridade nos órganos de Goberno, nas cátedras e nos equipos de investigación.

v  Seguir a mellorar a seguridade nos Campus para garantir a seguridade das mozas que os frecuentan.

v  Facilitar a conciliación laboral-familiar das estudantes.

v  Pular pola total integración das persoas transxénero a través da creación de mecanismos que recoñezan o seu nome, independentemente de que se levara a cabo o cambio deste no rexistro. 

Mobilidade

v  Abaratar o transporte público.

v  Adaptar os servizos ás necesidades das estudantes.

v  Aumentar as infraestruturas, transportes e horarios.

v  Facer cumprir a normativa de salubridade en relación coa crise sanitaria.

Vivenda

v  Aumentar as prazas nas residencias de estudantes.

v  Aumentar o número de residencias públicas.

v  Mellorar as instalacións das residencias existentes.

v  Regular o prezo do alugueiro.

v  Garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade nas vivendas de estudantes.

v  Loitar contra a crecente turistificación que reduce o parque de vivenda dispoñible para as estudantes.

Sindicalismo

v  Aumentar a capacidade de decisión do estudantado nos órganos de representación universitaria.

v  Promocionar o sindicalismo estudantil, pulando por mellorar a comunicación entre o estudantado de novo ingreso e as asociacións existentes a través das canles oficiais da Universidade.

v  Defender o dereito a facer folga como vector indispensábel da loita sindical.

Lingua

v  Cumprimento do Plan de Normalización Lingüística.

v  Potenciación das comisións de normalización lingüística nos centros e aumento da integración do alumnado nas mesmas.

v  Reclamar o dereito a realizar e dispoñer dos exames en galego.

v  Velar pola eliminación da discriminación lingüística e pola total normalización do galego no ámbito universitario.

Bibliotecas

v  Aumento do fondo bibliotecario.

v  Aumento dos espazos de estudo.

v  Aumento dos horarios de apertura das bibliotecas adaptándoo á situación sanitaria (apertura 24h, pasando as horas de toque de queda dentro do recinto bibliotecario).

Todas estas demandas circunscríbense a unha reivindicación xeral de pular por un ensino para todas, no que as violencias presentes na sociedade vaian minguando a súa presenza e que ninguén, pola súa clase, xénero ou sexualidade poida quedar excluído do acceso ó coñecemento á par que este ten un compoñente nacional, sendo producido, impartido e aprendido na nosa lingua. 

Publicacións relacionadas